Activistas de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua protagonizan a II edición de 'Defensoras de Dereitos' | Land Portal
As mulleres defensoras de Dereitos Humanos de Mesoamérica, a rexión comprendida entre o sur de México e Costa Rica, son as protagonistas da II edición de 'Defensoras de Dereitos' que empezou a andar este sábado en Pontevedra. As súas historias de vida, o seu traballo en defensa dos dereitos das mulleres, das comunidades indíxenas… son o fío condutor desta iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos.
 
Este sábado, coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, de deputadas e deputados do goberno provincial, da portavoz da Coordinadora, María Gutiérrez e da presidenta da Asociación de Comerciantes das Galerías Oliva, Pilar González, inaugurouse '#Defensoras Semillas de Cambio', unha exposición fotográfica que recolle os retratos e as historias de vida e acción política de 15 mulleres defensoras de dereitos Humanos de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua. As fotografías, ademais de atoparse nos escaparates de 10 comercios de Pontevedra tamén se poderán visitar en Gondomar e A Estrada.
 
O obxectivo é achegar as historias persoais e colectivas das activistas ao máximo de persoas no actual contexto. A mostra é unha adaptación da campaña de IM-Defensoras que homenaxea as máis de 2.000 defensoras articuladas en Mesoamérica arredor desta organización. Estudantes, xornalistas, labregas, académicas, sindicalistas, mestras, tecedoras, artistas…
 
Na inauguración da exposición, Carmela Silva lembrou que "para nós, as mulleres do mundo desenvolvido, defender os nosos dereitos é unha loita diaria pero temos un sistema democrático que nos permite rebelarnos. Pero hai mulleres sen ningún instrumento normativo co que poidan defenderse das violencias". A presidenta provincial falou da necesidade de apoiar campañas coma estas porque hai moitas mulleres que "non teñen instrumentos normativos para defenderse das discriminacións e as violencias que sofren" e lembrou que, no mundo, 243 millóns de mulleres e nenas no sufriron violencias en 2019, segundo os últimos datos de Nacións Unidas. 
 
A presidenta, que agradeceu a valentía da Coordinadora "por poñer voz a tantas mulleres silenciadas", tamén enxalzou a labor do comercio local "pola súa resistencia nestes tempos de pandemia". "O comercio de proximidade é fundamental, porque constrúe outro mundo, permite menos ataques ao medio ambiente, defende salarios e condicións laborais dignas. Eu súmome, dixo, ás voces de mulleres como as alcaldesa de París e Barcelona en defensa do comercio local porque permite sociedades máis xustas e unha economía diferente".
 
Pola súa banda, a irrupción da pandemia e a resposta que están a dar os gobernos de Mesoamérica está a impactar enormemente sobre as vidas e o labor das activistas. "A pesar de que o coronavirus agravou a crise de dereitos humanos e a violencia estrutural que vive Mesoamérica desde hai séculos, os gobernos non consideran esencial o traballo das defensoras", din dende IM-Defensoras.
 
Dende marzo, 8 de cada 10 defensoras víronse obrigadas a confinarse e a suspender a súa actividade de acompañamento presencial ás compañeiras e comunidades coas que traballan. Ademais, o risco de sufrir violencia aumentou significativamente. Entre marzo e novembro de 2020, as alertas recibidas por IM-Defensoras incrementáronse un 123% respecto ao mesmo período do ano anterior. Se en 2019 foron 61, en 2020 chegan ás 136. Medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización. Dende marzo, 10 defensoras mesoamericanas foron asasinadas.
 
Historias en forma de libro
 
Para dar a coñecer o risco que supón o traballo como defensoras de dereitos humanos e sensibilizar sobre as causas e consecuencias das situacións de desigualdade e pobreza que afectan ás súas vidas e aos países e comunidades onde viven, publicaranse tres libros dirixidos a público xuvenil. Neles, contaranse as historia de vida e activismo de tres defensoras de Honduras, México e Guatemala. Os tres libros estarán escritos pola marinense Lara Dopazo Ruibal, gañadora en 2020 do Premio Literario Illa Nova de Narrativa da Editorial Galaxia, e ilustrados pola deseñadora gráfica, Marta Conde.
 
As mulleres protagonistas dos libros
 
Miriam Suazo (Honduras) conta cunha traxectoria de 20 anos traballando polos dereitos humanos. Actualmente, faino desde o Centro de Estudios de la Mujer e a Red Nacional de Defensoras de Derechos Humanos de Honduras, coordinando xunto a outras organizacións e os movementos sociais o fondo de emerxencia para a protección das persoas defensoras expostas a riscos inminentes debido ao seu labor.
 
Estela Ángeles Mondragón (México). Defensora dos dereitos territoriais do pobo rarámuri, comunidade indíxena do norte do país, durante más de dúas décadas.
 
María Magdalena Cuc Choc (Guatemala). Defensora do territorio e dos dereitos das mulleres indíxenas maya q'eqchi'. Apoia ás mulleres superviventes de violencia de xénero e tamén ás comunidades que sofren desaloxos violentos como consecuencia da usurpación de terras das empresas esrtractivistas e de monocultivo.
 
O 9 de decembro, organizarase un encontro online coas tres protagonistas dos libros para coñecer de primeira man a realidade e os principais problemas que afectan aos seus países e comunidades e a persecución e violencia que sofren por dedicar a súa vida a defender os dereitos humanos. O 17 de decembro terá lugar en Pontevedra a presentación do primeiro libro, protagonizado por Miriam Suazo.
 
IM-Defensoras
 
A Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM- Defensoras) foi creada en 2010 como unha articulación de organizacións e redes de cinco países: El Salvador, Guatemala, Honduras, México e Nicaragua.
 
Os seus obxectivos, ámbitos de acción e dinámicas son diversos e danse nun contexto de violencia que enfrontan as defensoras de dereitos humanos polo seu labor e que se realiza en condicións de inseguridade e desigualdade. Traballan desde o recoñecemento da diversidade e xerando estratexias de protección feminista para potenciar colectivamente a sustentabilidade da defensa dos dereitos humanos en Mesoamérica e seguridade, benestar, liderado e autonomía das activistas. Actualmente, hai máis de 2.000 mulleres articuladas arredor de IM-Defensoras.

Copyright © da fonte (mencionado acima). Todos os direitos reservados. O Land Portal distribui materiais sem a permissão do proprietário dos direitos autorais com base na doutrina de “uso justo” dos direitos autorais, o que significa que publicamos artigos de notícias para fins informativos e não comerciais. Se você é o proprietário do artigo ou relatório e gostaria que ele fosse removido, entre em contato conosco pelo endereço hello@landportal.info e removeremos a publicação imediatamente.

Várias notícias relacionadas à governança da terra são publicadas no Land Portal todos os dias pelos nossos usuários, partindo de várias fontes, como organizações de notícias e outras instituições e indivíduos, representando uma diversidade de posições sobre cada tópico. Os direitos autorais estão na origem do artigo; a fundação não tem o direito legal de editar ou corrigir o artigo, nem endossar o seu conteúdo. Para fazer correções ou solicitar permissão para republicar ou outro uso autorizado deste material, entre em contato com o detentor dos direitos autorais.

Compartilhe esta página